|     
MANIFESTO
A FAVOR DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
"No habiendo aprendido
a leer, no es posible aprender a estudiar" Rubén
Darío"
A sociedade contemporánea
baséase na información como canle de acceso á
construcción do coñecemento e a escola debe contemplar
entre os seus obxectivos a formación do seu alumnado
na recollida, selección recuperación, elaboración
e transmisión da mesma.
A Lei Orgánica Xeral
do Sistema Educativo (LOXSE) e as disposicións que a
desenvolven, conscientes desta realidade, recollen explícitamente
nos diferentes currículos, contidos que abordan o manexo
das diferentes fontes de información así como
a formación lectora dos seus alumnos e alumnas. A biblioteca
escolar ten un papel destacado nesta función, pero que
se poida desenvolver ou non, pasa polo establecemento dunha
concepción da biblioteca como centro de recursos multimedia
que pon a disposición da comunidade educativa todo tipo
de material independentemente do soporte no que se presente
e aporta posibilidades para abordar o ensino dun xeito innovador.
Entendida deste xeito, a biblioteca tería entre outras,
as seguintes funcións:
- Satisfacer as necesidades
educativas, culturais, de ocio, formación e información
de toda a comunidade escolar e aportar posibilidades para abordar
o ensino dun xeito diferente, atendendo tamén ás
necesidades de servicios e materiais específicos para
aquelas persoas que non poidan empregar as canles ordinarias
de acceso á información.
- Crear e fomentar o gusto pola
lectura de todo tipo de linguaxes e en todo tipo de soportes
así como o hábito de uso das bibliotecas –escolares,
municipais,...- e de calquera outro servicio de información.
- Crear a necesidade de vivir
informados, do xeito máis obxectivo posible, para poder
exercer a nosa liberdade individual e como colectivo nunha sociedade
democrática.
- Formar e orientar na búsqueda,
recuperación, análise, e elaboración da
información. Trátase, en definitiva, de proporcionar
estratexias para aprender a aprender, promovendo o pensamento
crítico e a actitude reflexiva así como a expresión
e a creatividade.
- Actuar como elemento compensador
das desigualdades de orixe social, potenciando o acceso aos
recursos e á información daqueles nenos e nenas
que non dispoñen dos mesmos no seu entorno.
Evidentemente, desenvolver
estas funcións só é factible se:
- As bibliotecas escolares dispoñen
dun marco lexislativo, que defina o seu lugar no marco educativo,
e de políticas específicas que apoien o seu desenvolvemento.
- Son consideradas como un departamento
máis dos que integran a estructura organizativa do centro,
con entidade e proxecto propios integrados nos documentos programáticos
e de xestión do centro. Este departamento estaría
integrado por un responsable –un docente con formación
específica e permanente e por unha comisión na
que estarían representados os diferentes departamentos,
ciclos, niveis e áreas así como o alumnado e familias.
- A administración educativa
garantiza que o docente responsable da biblioteca teña,
para desenvolver as súas función, o 50% do seu
horario lectivo e complementario, con tendencia a unha dedicación
exclusiva.
- Todo o material documental
pasa pola biblioteca para o seu rexistro e catalogación
independentemente do seu lugar de ubicación definitiva.
Asimesmo, e en aras dunha maior racionalización e optimización
dos recursos, toda compra de material didáctico de calquera
departamento debería ser aprobada pola Comisión
da Biblioteca.
- Conta cun fondo documental
adecuado e actualizado así como con instalacións
e equipamentos apropiados ás súas funcións,
que aseguren o libre acceso aos fondos por parte dos usuarios.
Isto supón a necesidade dunha dotación inicial
pero tamén dunha dotación económica permanente
que, segundo as recomendacións internacionais, debería
supór, como mínimo o 10% do presuposto total do
centro.
- Dispón dun espacio
axeitado e de fácil accesibilidade, nunca inferior ao
0,5% do espacio útil do centro educativo segundo as recomendacións
da UNESCO de 1979.
O horario de apertura
da biblioteca cobre, como mínimo, a xornada lectiva e,
nos centros de ensino primario, as horas de denvolvemento de
actividades extraescolares.
Como elo final, solicitamos
que os gobernos, a través dos seus responsables políticos,
elaboren estratexias, políticas e programáticas
que permitan aplicar os enunciados do Manifesto da biblioteca
escolar da UNESCO / IFLA.
Marzo de 2000
Asociación Galega polas
Bibliotecas Escolares e a Lectura Durán Loriga, 10-1º 15003 A
Coruña Tel.: 981 18 43 84 Fax: 981 18 43 85 Correo
Electrónico:
agabel2000@hotmail.com
y agabel@agabel.net
|